domingo, 22 de febrero de 2009

Eleccións

Tratarei de ser breve aínda que máis por non amargarme que por outra cousa. Supoño que non o conseguirei.

Resulta que hai eleccións en Galicia ou Galiza, ou como vos pete chamarlle á nosa Terra. Limitareime a ghomitar pensamentos sen orde de tipo ningún:

- Non aturo que se utilice a nosa fala como arma política. Por certo, aínda non escoitei a un só político falar ben en galego. Se non son capaces nin diso cómo van ser quen de lexislar, gobernar, etc?

- Por qué nunca se fala da porcentaxe do voto en branco? Eu teño amigos/as xornalistas. Por favor, falade do voto en branco. Quero saber cómo é de grande ese queixiño o día despois das eleccións.

- Sempre din que a abstención é de incultos, desencantados, preguiceiros ou inadaptados pero, algunha vez fixestes a comparación entre o xeito de gobernar na Idade Media, ou nunha dictadura ou na democracia? É exactamente igual, só que agora nos dan a elixir entre 3 iguais. Supoño que moita xente non vota porque sinxelamente non cre neste sistema democrático pero non porque non sexan democráticos.

- E qué me decides dos afiliados e/ou simpatizantes? Pero... tanto se aburre a xente? Pero cómo se pode ser afiliado ou "siareiro" dun partido político nos tempos actuais? O caso é que esta xente vota a ese partido tanto se o fan mal coma se o fan moi mal. Demo! eu sempre funvos do Celta e seguirei a se-lo por moi impresentables que sexan os xogadores-adestradores-xuntas directivas, pero unha cousa é un "pseudo espectáculo-deporte" coma o fútbol e outra cousa son os partidos políticos. Podo entender que alguén sexa do Ourense, do Pontevedra, do Lugo, do Compos, do Racing de Ferrol ou mesmo do Deportivo (Curuñistas... non vos enfadar, eh? que isto era broma), pero ser do PSOE? PP? BNG? E ollo, que digo "ser do", non "votar ó". A non ser, claro, que esperen beneficios dalgún tipo unha vez que "o seu" partido político acade algunha parcela de poder.

-As campañas electorais son noxentas por moitos motivos: Bérrannos coma se fósemos chusma, emporcallan as rúas, despilfarran tantos cartos que nin o podemos imaxinar, destrúese bosque, monopolizan os informativos pero, sobretodo, hai algo que me preocupa. Moito. De dónde sacan os cartos? Por qué hai empresarios que sufragan as campañas electorais dos partidos? Supoño que ninguén pensará que o fan desinteresadamente.

-As campañas electorais deberían estar sinxelamente prohibidas. Queredes democracia? Moi ben: Día tal haberá eleccións. Os diversos partidos políticos poñerán á disposición de todo o que o desexe, o seu programa electoral na internet e mesmo algún día, na prensa, na radio ou na TV. Iso si, coa mesma extensión e duración para tódolos partidos. Nada de fotos de políticos. Nada de carteis, nada de mítins. Pero por cómo pode ser que nos tomen o pelo deste xeito?

E todo iso do voto útil e o inútil? pero serán fillos de Satanás!

E qué é iso dos medios de comunicación "cercanos" a tal ou cal partido? Aaaaaaarrrrrrrrrg!

Seguro que me deixo máis bilis por ghomitar pero non podo amargarvos máis.

Que cada quen faga o que pensa que debe facer. Pola miña parte morrerei tranquilo sabendo que nunca colaborei con empoltronar a chupóptero ningún.

Pero qué engano máis terrible e triste, as eleccións.

En efecto, nin fun breve nin evitei amargarme.

No hay comentarios: