domingo, 15 de junio de 2008

Naufraxio (II)

E ésta é a continuación , na que me dedico a a facer literatura barata (pero sincera) tentando realizar semellanzas entre illas e algunhas mulleres que coñecín daquela e tamén algún compañeiro de viaxe. Vale, e xa está. Se estas lembranzas miñas sírvenlle a alguén algunha vez de algo, mira ti que ben. Ánimo a tódolos náufragos. Atoparedes terras (rolletes, amigos, outra moza... quen sabe o que hai nese proceloso mar...) e aprenderedes a nadar que te caghas! Calquera cousa menos afoghar... eh?

....O día de Reis atopei unha illa marabillosa. Non era unha illa como as outras. Menos mal. Tiña de todo. Bebín e comín todo o que quixen e por suposto tomei folgos. Os vellos navegantes dábanlle nome ás terras que descubrían. Eu nunca lle puxen nome á esta illa pero “Illa da Vida” ou “Illa Amiga” íanlle ben. Nunca poderei esquecer esa illa.

Tampouco hei esquecer ós náufragos que atopei no mar. Hai un... faime gracia porque atópome con él a cada pouco... Hai un, como dicía.... que ten uns collóns...que nindiola! O tipo nada e nada e ten sempre un alento de ánimo para min. Ás veces vai en pequenas chalupas e outras podo miralo nalgunha illa. Pero ás máis das veces aí está, nadando. “Cagho nas troitas!”. El pensa que pode salvarse nadando e por iso nada e nada. Eu trato de atopar terra porque son un pésimo nadador. Pero el apréndeme trucos para nadar mellor e eu tamén apréndolle o pouco que sei.

O bo de ser náufrago é os magníficos náufragos e marabillosas illas que podes chegar a coñecer. Isto lévame ó momento actual...
Non hai moito eu estaba a nadar. Nadaba mal, por suposto, pero as augas estaban máis calmas e podía botar algunha ollada ó redor. Durante bastantes xornadas sentín a chamada dunha costa misteriosa e acabei por acercarme. Con cautela. Nunca se sabe nesas illas... Mesmo pode haber caníbais. O caso é que tamén había comida dabondo, viño e rosas. Rosas espiñentas, claro. Pero é que as rosas son así. Ademáis descubrín que era unha illa volcánica e que estaba en actividade. Pouco a pouco funme adentrando. É grande, moi grande. Tratei de subir ó cráter e a medida que o facía podía ver máis e máis territorio por riba da densa selva. Pronto descubrín o Bosque dos Carnutes coas súas marabillas. Pero tamén moi cedo comezaron os tremores de terra. Algúns de moi forte intensidade. Dá a impresión de que esta terra é moi perigosa pero de tódolos xeitos, estou coma embruxado polo seu misterio. Pasan os días e descubro máis territorios. Pasan os días e sucédense os tremores. E os temores. Ás veces non sei se isto é unha illa ou é outro náufrago, coma min. Todos somos ou seremos náufragos. Éche así. É un misterio. Podería ser terra firme? Non o sei. É máis, pode que nunca o saiba. Hai tres días que os tremores se intensificaron e unha densa nube de fume sae polo cume do volcán. Xa a lava e a cinsa baixan por algunhas ladeiras... Eu querería quedar máis tempo. Non sei canto, non o sei. Non podo sabelo. Despois dun naufraxio xa só sabes que mesmo os mellores barcos van ó fondo. A idea de volver ó escuro e frío mar non me atrae. Fareino se a lava me obriga. Pero non quero. Non quero. Sexa illa, terra ou náufrago, coma min...que mágoa ter que deixar isto!

“Tras a Mágoa sempre hai Mágoa. A dor, a diferenza do Pracer, non leva máscara” Tamén o dixo Oscar.
CONA! Como doe un naufraxio.

3 comentarios:

CRIS dijo...

onde hai mar hai terras, mais ou menos lonxe, pero habelas, hailas... e sereas no camiño que te poden acompañar,..

quenindiola dijo...

Seino. Isto foi algo que pasou hai varios anos. Aínda sigo nadando e exceptuando unha drástica estancia nunha illa volcánica, sempre estou no océano, nadando. Pero xa lle pillei o truco a nadar e non teño presa por atopar terras aínda que atopar algunha serea de cando en vez non estaría mal, claro.

Cuspedepita dijo...

O que máis me gustou desta segunda parte é o que contas dese outro naúfrago que atopas cada pouco e sempre ten palabras de ánimo para ti e que che conta trucos para nadar mellor.
Cos anos, un aprende que atopar ese tipo de naúfragos é tan importante como atopar unha illa ou un continente onde quedar, porque, con eles, nunca se vai un a pique, sempre están aí.