miércoles, 3 de septiembre de 2008

Ioda dixit


"O temor á Pérdida é o que nos acerca ó Lado Escuro"
Que a Forza te acompañe!

domingo, 31 de agosto de 2008

Esbirros iluminados

Teño unha nova teoría. É bastante arriscada así que merece estar incluída neste apartado.

Resulta que penso que descubrín por que, en moitas ocasións, esbirramos cando recibimos claridade indirecta do sol...

Supoño que vos teredes fixado que, ás veces, cando estamos por exemplo nun salón, e a luz se filtra por entre os buracos da persiana ou entre as dúas cortinas semi-pechadas, eses raios de luz nos amosan infinidade de partículas en suspensión (o que en ghallegho normativo ven sendo o "po", vamos).

Pois ben, ese po, é o que, cando penetra polo noso nareco fainos esbirrar. Pero o caso é que iso só se produce cando hai moita concentración de po no aire. En cambio, no noso salón ou no noso coche non esbirramos, tan facilmente, ata que un feixiño de luz nos descubre todas esas indesexables partículas aboiando no aire.

Conclusión pseudo científica. Afirmo: A mera visión de po no aire pode enviar ó noso "celebro" a recomendación de esbirrar.

Que me dean o Nobel, xa, cona....

martes, 22 de julio de 2008

Carne


Non sei se comedes carne ou non pero non estades de acordo comigo en que a xente que non a come é máis tranquila e "boiña", en xeral? Necesito saber a vosa opinión ó respecto porque estou a punto de elaborar unha teoría arriscada. Pensade nos vosos coñecidos que non a comen e dádeme datos. Pena non ter máis lectoras/es, podería elaborar a miña teoría baseada en datos estatísticos máis representativos. Por certo, hoxe comín unha chuleta de tenreira exquisita.

domingo, 20 de julio de 2008

Atención: Pregunta

Vou xogar con vós un cacho. Vou xogar a que eu sonvos o xenio da lámpada marabillosa. Aínda que esta vez só podo conceder un desexo...

Que preferides cada un de vós, obter o superpoder de voar ou o de teletransportarvos?

Pensádeo ben antes de elixir...

viernes, 11 de julio de 2008

Pouco Rock

Son as 5:41 a.m. e atópome nunha caseta tipo "contedor", desas das obras, pero que neste caso está reconvertida a oficina de produción do típico festival de verán. Vai un frio húmido que non lle está a sentar nada ben á miña hernia discal. Estou canso e teño sono. Fóra, unha marabunta de humanoides menéanse ó ritmo dun "DJ" execrable pero que, polo visto, é famoso. Os grupos musicais acabaron hai moitos cuartos de hora e o que toca é isto. As paredes da caseta vibran como se fosen a desintegrar por culpa dos graves graves. Case todo o mundo está mazado e mesmo os que traballan na organización deste evento amosan sinais inconfundibles de rinitis vicioide. Eu debo ser un dos poucos que están sereos pero máis me valería non estalo. Constato que son moi raro aínda que xa o imaxinaba dende hai anos. Toda esa xente de aí fóra impórtame un carallo e, dende logo, eu a eles impórtolles aínda menos. Escribo isto para facer tempo ata ás 6:30 en que, en teoría, o pinche pincha gardará os puñeteiros cd's e marchará a tomarlle o pelo a outra muchedumbre e eu irei deitar a miña frustación para que mañá poida aturar outra xornada de festival. Que paixón...

Estou ata os collóns de tanto pouco rock.

sábado, 5 de julio de 2008

444

Matinando na cama a iso das 9 da mañá, despois de decatarme que non é fácil seguir durmindo a pesar de terme deitado ás 6:30... pensei nun detalle: A miña filla ten 9 meses.
Cantos teño eu?
E ti?

Cavilando en la cama sobre las 9 de la mañana, después de constatar que no es fácil seguir durmiendo a pesar de haberme acostado a las 6:30... pensé en un detalle: Mi hija tiene 9 meses.
Cuántos tengo yo?
Y tú?

domingo, 15 de junio de 2008

Naufraxio (II)

E ésta é a continuación , na que me dedico a a facer literatura barata (pero sincera) tentando realizar semellanzas entre illas e algunhas mulleres que coñecín daquela e tamén algún compañeiro de viaxe. Vale, e xa está. Se estas lembranzas miñas sírvenlle a alguén algunha vez de algo, mira ti que ben. Ánimo a tódolos náufragos. Atoparedes terras (rolletes, amigos, outra moza... quen sabe o que hai nese proceloso mar...) e aprenderedes a nadar que te caghas! Calquera cousa menos afoghar... eh?

....O día de Reis atopei unha illa marabillosa. Non era unha illa como as outras. Menos mal. Tiña de todo. Bebín e comín todo o que quixen e por suposto tomei folgos. Os vellos navegantes dábanlle nome ás terras que descubrían. Eu nunca lle puxen nome á esta illa pero “Illa da Vida” ou “Illa Amiga” íanlle ben. Nunca poderei esquecer esa illa.

Tampouco hei esquecer ós náufragos que atopei no mar. Hai un... faime gracia porque atópome con él a cada pouco... Hai un, como dicía.... que ten uns collóns...que nindiola! O tipo nada e nada e ten sempre un alento de ánimo para min. Ás veces vai en pequenas chalupas e outras podo miralo nalgunha illa. Pero ás máis das veces aí está, nadando. “Cagho nas troitas!”. El pensa que pode salvarse nadando e por iso nada e nada. Eu trato de atopar terra porque son un pésimo nadador. Pero el apréndeme trucos para nadar mellor e eu tamén apréndolle o pouco que sei.

O bo de ser náufrago é os magníficos náufragos e marabillosas illas que podes chegar a coñecer. Isto lévame ó momento actual...
Non hai moito eu estaba a nadar. Nadaba mal, por suposto, pero as augas estaban máis calmas e podía botar algunha ollada ó redor. Durante bastantes xornadas sentín a chamada dunha costa misteriosa e acabei por acercarme. Con cautela. Nunca se sabe nesas illas... Mesmo pode haber caníbais. O caso é que tamén había comida dabondo, viño e rosas. Rosas espiñentas, claro. Pero é que as rosas son así. Ademáis descubrín que era unha illa volcánica e que estaba en actividade. Pouco a pouco funme adentrando. É grande, moi grande. Tratei de subir ó cráter e a medida que o facía podía ver máis e máis territorio por riba da densa selva. Pronto descubrín o Bosque dos Carnutes coas súas marabillas. Pero tamén moi cedo comezaron os tremores de terra. Algúns de moi forte intensidade. Dá a impresión de que esta terra é moi perigosa pero de tódolos xeitos, estou coma embruxado polo seu misterio. Pasan os días e descubro máis territorios. Pasan os días e sucédense os tremores. E os temores. Ás veces non sei se isto é unha illa ou é outro náufrago, coma min. Todos somos ou seremos náufragos. Éche así. É un misterio. Podería ser terra firme? Non o sei. É máis, pode que nunca o saiba. Hai tres días que os tremores se intensificaron e unha densa nube de fume sae polo cume do volcán. Xa a lava e a cinsa baixan por algunhas ladeiras... Eu querería quedar máis tempo. Non sei canto, non o sei. Non podo sabelo. Despois dun naufraxio xa só sabes que mesmo os mellores barcos van ó fondo. A idea de volver ó escuro e frío mar non me atrae. Fareino se a lava me obriga. Pero non quero. Non quero. Sexa illa, terra ou náufrago, coma min...que mágoa ter que deixar isto!

“Tras a Mágoa sempre hai Mágoa. A dor, a diferenza do Pracer, non leva máscara” Tamén o dixo Oscar.
CONA! Como doe un naufraxio.